Manuel Mouriño, un veciño e gran amante dos cabalos, escoltado ata o camposanto

Os veciños de Antas de Ulla despediron onte a Manuel Mouriño. Moi poucos quedaron na casa, case ninguén quixo perder a ocasión de mostrar o seu respeito a unha persoa que gañou o cariño de todos os que tiveron ocasión de tratar con el.

Tivo que ser unha enfermidade a que freara os pasos de Mouriño, non podía ser doutro xeito. El nunca estaba disposto a perder un segundo, non coñecía a palabra imposible e sacaba forza das ansias para facer realidade os centos de ideas que lle pasaban pola cabeza.

A obra de Mouriño está espallada por toda Galicia. A súa destreza como carpinteiro ebanista era coñecida e recibía encargos de todo tipo de traballos, desde a decoración dun establecemento comercial ata o último detalle dunha vivenda particular. A súa obra máis coñecida tal vez sexa a carruaxe que el mesmo labrou con esmero e que conducía para levar os noivos que llo pedían ata o altar.

A liña que separa o cliente do amigo case sempre desaparecía e onte uns e outros mesturáronse e colapsaron os dous quilómetros que separan o tanatorio de Antas de Ulla do cemiterio do Castro de Amarante, onde recibiu sepultura.

Mouriño tiña debilidade polos cabalos e onte tampouco lle fallaron. Un grupo de xinetes escoltouno ata o camposanto da súa parroquia, onde viviu feliz e onde agora descansa.

http://elprogreso.galiciae.com/nova/239941-manuel-mourino

No hay comentarios: