Cabalo morto depositado no monte por persoal do Concello

http://www.apeneiradixital.com/cabalo-morto-depositado-no-monte-por-persoal-do-concello/

Arbo | O Partido Popular de Arbo denuncia a actitude de irresponsabilidade do Bipartito local en materia de medio ambiente. Trátase do acontecido cun poldro salvaxe que a fin de semana pasada andaba moribundo e malferido pola zona de San Benito, próxima ao casco urbano de Arbo, segundo manifestaron algúns veciños. “A cuestión é que en vez de actuar dende o Concello seguindo o protocolo oportuno, unha vez sacrificado foi cargado por persoal do Concello no tractor municipal aparecendo logo depositado nunha zona de monte, na contorna da subestación do parque eólico, o que indica que foron as mesmas persoas que o cargaron as que tamén o depositaron alí –pois as pegadas das rodas do tractor así o demostra- deixándoo tirado sen máis ao aire libre incumprindo todas as regras de protocolo a seguir nestes casos”, explica Horacio Gil, voceiro do PP local.

Os populares apuntan que “o que está claro é que se foron operarios municipais os que fixeron isto foi por orden da Alcaldía o que agrava aínda máis a situación, demostrando a actitude irresponsable deste alcalde nacionalista que alardea de progresista e defensor do medio ambiente cando vai deixando polo monte adiante cadáveres de animais sen máis escrúpulos e saltándose a lexislación vixente nestes casos”. Ademais, segundo testemuños de veciños, o alcalde estaba presente no momento en que o cabalo foi sacrificado, “isto significa que foi consciente e coñecedor do sucedido en todo momento, e despois de ver o animal morto ordenou tiralo ao monte”.

No entanto, o PP de Arbo xa puxo en coñecemento da Garda Civil o acontecido para que actúe e tome as medidas oportunas.


No hay comentarios: